Vista do Maxi

Vista do Maxi

mércores, 11 de febreiro de 2015

Actuacións dende o concello, novas informacións e actividade da plataforma

Actuacións do concello e informacións en prensa

Dende o último texto os acontecementos fóronse sucedendo de xeito un tanto caótico, así que imos tentar seguir a cronoloxía dende onde a deixamos nese post.

- O 8 de xaneiro (saíu en prensa o día 9), o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, afirmou en Radio Oleiros que cando delegou competencias para negociar a adquisición da parcela do Maxi no concelleiro do BNG Manuel Sarmiento, en realidade quería que fracasase. Non respostou ás criticas do concelleiro por terlle negado a documentación necesaria para realizar a adquisición seguindo os trámites legais. O alcalde mencionou, sen ter ningunha taxación e dando a impresión de que o estaba a inventar, que o prezo era disparatado. De feito, se a cantidade que indicou fose correcta, superaría o 10% do presuposto anual e tería cometido un presumíbel delito de prevaricación, porque tería delegado como alcalde unha competencia propia do pleno do concello. Tamén defendeu que o edificio, de ate 18,5m de alto e de ancho do total da parcela, non quitaría vistas, e insistiu en que un hotel de 5 estrelas sería moi beneficiosa para o pobo. Segundo esas declaracións, o edificio debería ser completamente transparente, e a intimidade dos hóspedes do hotel veríase un pouco comprometida.

- O alcalde seguiu a defender a importancia e transparencia do hotel de 5 estrelas tanto en Radio Oleiros coma nos distintos programas de emisoras privadas (Ser, COPE) ás que o Concello de Oleiros, como institución pública, paga con diñeiro de todos os cidadáns para que o noso alcalde teña unha sección dende a cal defender ou publicitar as súas actuacións. Supostamente xustifícase como promoción do concello. 

- O 25 de xaneiro publicouse neste enlace e posteriormente neste outro que o proxecto da empresa propietaria da parcela, Hostcastros S.L., é construír un apartahotel con 14 apartamentos e 6 cuartos dobres, pensado para tempadas de ate varios meses. Non sería un 5 estrelas, e nin tan sequera sería un hotel. O posíbel emprego que xera un edificio así é case nulo: só se precisa subcontratar a limpeza para cando uns visitantes deixen libre o seu apartamento. Para iso é para o que se deixaría sen vistas á ría e ao castelo á meirande parte de Santa Cruz, agachando o meirande atractivo turístico do pobo e privando aos veciños dunha das mellores vistas da comarca.

- O 29 de xaneiro celebrouse un pleno do concello en que o grupo de goberno negouse a tramitar unha proposta do BNG para instar a comezar unhas negociacións serias para a adquisición do terreo, e o alcalde pechou o pleno con este sentido discurso:


Dende a plataforma veciñal "Santa Cruz aberta ao mar" consideramos este discurso, xunto con outros semellantes emitidos na radio, absolutamente escandaloso. O alcalde ostenta un cargo nunha institución democrática en representación dos veciños de Oleiros, e debe defender os dereitos e intereses dos cidadáns. Nesta cuestión está a se comportar como se fose o avogado dunha empresa privada, defendendo ate perder a compostura aos propietarios e desbotando por completo actuar para protexer o noso patrimonio cultural e paisaxístico e a nosa calidade de vida.

- Entre o 28 de xaneiro e o 1 de febreiro, La Voz de Galicia realizou unha enquisa online que permitía votar a favor ou en contra do proxecto, os resultados, que se poden ver aquí  son moi claros: un 84,25% dos votos son en contra da construción dun "hotel" nese terreo.
  

Actividade da plataforma

Nestas últimas 5-6 semanas a plataforma realizou cada domingo ás 12:30 unha recollida de sinaturas no centro de Santa Cruz, nas inmediacións da parcela do Maxi. A nosa valoración xeral é moi positiva: a grande maioría das persoas contactadas está a asinar o noso formulario de apoios. Unha parte moi importante transmítennos o seu estupor polo proxecto do apartahotel, que consideran unha aberración urbanística, e moitos solicitan información sobre a actividade do grupo.

Recollida de sinaturas do domingo 11 de xaneiro



Recollida o domingo 18 de xaneiro


Tamén realizamos unha rolda de contactos con simpatizantes, que levou a que varias persoas máis pasasen a colaborar na plataforma. Agora mesmo estamos a contactar e a nos entrevistar con distintas asociacións ecoloxistas, de defensa do patrimonio e doutros tipos para solicitar asesoramento e apoio. Nesa liña, tamén estamos a nos comunicar e a acordar reunións con representantes de distintos organismos públicos. Este último mes, en resposta á confirmación de que os plans da empresa Hostcastros consisten na construción dun apartahotel, o PP sumouse ao BNG en reclamar a adquisición da parcela para convertela nun espazo público. O PSOE tamén indicou que de non se construír un hotel de 5 estrelas non atopa xustificado ocupar ese terreo. Dos partidos políticos con representación no Concello de Oleiros só o gobernante, Alternativa dos Veciños, semella manter o seu apoio á construción do edificio.

En paralelo a estas actividades, estivemos a recadar información aportada de xeito desinteresado por distintos profesionais: avogados, arquitectos, expertos en patrimonio e outros. En base a esta e ás nosas propias reflexións e debates, estivemos a acordar cales serán os próximos pasos a realizar, dos que iremos informando cando se concreten en formato, data e hora.