Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 19 de abril de 2015

Entrega de sinaturas no concello: 1889!

O día de onte, sábado 18 de abril, ás 10:30, fixemos a entrega das 1889 sinaturas de apoio recollidas no rexistro do Concello de Oleiros. Tras unha primeira experiencia nas festas de Santa Cruz o 13 de decembro, dende o 21 de decembro @s integrantes da plataforma comezamos a nos situar nas proximidades da parcela do Maxi os domingos de 12:30 a 14:00 para informar aos veciños e visitantes da localidade do proxecto de construción do apartahotel, das súas dimensións e impacto, e para solicitar que asinasen o noso manifesto reclamando a adquisición da parcela polo concello.


Con esa adquisición posibilitaríase o seu uso público e evitaríase a formación dunha barreira de 18,5 metros de alto e case todo o ancho da finca, moito meirande que o vello edificio do Maxi, que separaría a nosa vila do mar e nos privaría a todos, residentes e visitantes, das mellores vistas da comarca. Os primeiros días a meirande parte dos paseantes pola zona, tanto veciños como visitantes, amosáronse sorprendidos ao escoitar que se pretendía construír un edificio desas dimensións e que só ficaba pendente a licenza de obra. Crían que fose o que fose o que se ía facer, era un proxecto a longo prazo e non sabían que era inminente, e mesmo había bastante xente que sendo de Santa Cruz e arredores custáballe crer que o Concello, e en particular o alcalde, fose consentir un atentado urbanístico coma ese, que deixaría a Santa Cruz tolleita durante décadas.

En tres ocasións tamén fixemos recollida de sinaturas en Santa Cristina - Perillo, á mesma hora, e o apoio tamén foi moi importante, inda que obviamente, ao non estar no lugar en que se pretende atentar contra a paisaxe, podía resultar menos inmediato visualizar o problema.

Outra vía para recadar apoios foi a nosa solicitude de change.org, que podía ser difundida por Internet. Sendo importante, insistimos máis na recollida en persoa, en papel, porque tamén permitía escoitar as opinións da xente, as súas suxerencias e aportacións, e respostar a dúbidas que podíamos ter pasado por alto.

Ao transcorrer as semanas, comezamos a notar que había xente que nos transmitía que se achegara á parcela a propósito para asinar. A problemática comezara a se facer pública, tanto polo boca-orella como polas aparicións en distintos medios de comunicación.

Ao tempo, tamén comezaba a resultar evidente que a maioría dos veciños e habituais da zona xa asinaran o manifesto, e pasaron a ter máis peso os turistas e visitantes ocasionais, procedentes de calquera lugar do mundo, dende Xapón a Estados Unidos, de Alemaña a Brasil, Senegal ou Italia. E mesmo da Coruña! Moitas persoas procedían de lugares como o norte de Italia, Suíza, Dinamarca ou Bretaña, onde existe unha longa tradición de defensa e posta en valor do patrimonio monumental, paisaxístico e urbanístico, e transmitíronnos a súa case incredulidade ao saber do atentado que se pretende levar a cabo en Santa Cruz, e que neses territorios non sería tolerado.

A valoración que facemos do proceso de recollida e información directa é moi positiva, non só polas sinaturas e o que representan senón polo apoio que a xente nos transmitiu, chegando moit@s a nos agradecer a tarefa que estamos a realizar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario