Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 10 de maio de 2015

Música e poesía aberta ao mar

Despois de ter organizado unha foliada na praza de Esther Pita, tivemos que suspendela porque daban choiva para o día en cuestión, que ía ser o 26 de abril. Para o que resultou útil foi para comprobar o talante democrático do alcalde, Ángel García Seoane, posto que dende o concello de Oleiros denegárasenos o uso dese espazo público e tivemos que solicitar autorización á Subdelegación do Goberno, que a concedeu por silencio administrativo. Non foi a única actuación dese estilo: tamén se nos denegou o uso do auditorio das Torres de Santa Cruz para a xornada de debate, que finalmente fixemos na Facultade de Ciencias da Educación Física, en Bastiagueiro.

Como solución para realizar un acto festivo, optamos por unha sesión de música e poesía nun local hostaleiro de Santa Cruz, o d'Tati. O encontro tivo lugar o sábado 8 de Maio ás 22 horas, e durou ata ben máis aló das doce da noite. A asistencia, moi a ollo, foi de unhas 60 persoas, e que me corrixa alguén se me trabuco. 

Tras unha breve presentación da plataforma, lembrando o seu obxectivo de protexer a conexión de Santa Cruz co mar e evitar un atentado urbanístico, e un par de apuntes sobre o percorrido dende a súa creación, pasouse a escoitar as lecturas de poemas de Teresa Ramiro e Xosé Iglesias, mariscadora e mariñeiro e poeta respectivamente. Persoas cuxas vidas están unidas ao mar e que ademais dos seus oficios respectivos practican o activismo para defender tanto o medio mariño como os dereitos dos que nel traballan.

Despois veu unha impresionante actuación musical de Maghúa, un trío de pandereiteiros espectacular e cun impresionante sentido do humor. O ritmo e a capacidade de contaxiar entusiasmo foron inesquecíbeis, especialmente -supoño- para os que non os coñeciamos.
 
 
 

A seguir,  tivemos as lecturas de Ramiro Vidal Alvarinho, poeta e membro da plataforma Santa Cruz aberta ao mar, con textos da súa obra "Mares de queijo", e do escritor Manuel Miragaia Doldán. Ambos conseguiron algo tan difícil como manter o silencio entre o resto de asistentes a un local de ocio a esas horas da noite. En particular, no caso de Ramiro, hai que dicir que impresiona a metamorfose que opera nel ao declamar. Nótanselle as táboas e consegue impor. Como tamén impuxo o escritor e locutor Xosé Henrique Rivadulla Corcón, ex-membro do batallón literario da Costa da Morte, que completou o elenco de poetas.

Finalmente, chegou o intre de Xurxo Souto e os Tres Trebóns: houbo debate sobre o seu número, e non sei se se acadou un acordo. O caso é que coma músicos de longo percorrido e coa maquinaria en perfecto estado de revisión, e coa axuda de cancións que para algún de nós marcaron unha época -para min en particular é o caso de Gaiteiro-, fixeron que o local de Tati tremese co balbordo e fixo que todos saísemos entusiasmados e con ganas de máis.




Evidentemente habería moito máis que contar, pero por respecto á privacidade das andanzas nocturnas de cada un e para evitar acusacións de inmoralidade, que poderían chegar dende as máis altas instancias de Oleiros, polo de agora abonda con esta breve crónica. En resumidas contas: que todos o pasamos moi ben e que todas as opinións que escoitei, Tati incluída, foron moi boas e mesmo con ganas de repetir algo así.










domingo, 3 de maio de 2015

Debate público no INEF e denegación da licenza de obra para o apartahotel polo Concello

Este xoves 30 foi un día moi movido para a plataforma "Santa Cruz aberta ao mar". Pola nosa banda celebramos un debate aberto ao público no salón de actos do INEF, despois de que o Concello de Oleiros nos denegase o uso das Torres de Santa Cruz.

Do mesmo xeito que agradecemos enormemente a colaboración da Universidade da Coruña, temos que denunciar que dende o Concello, como xa aconteceu coa denegación do uso da praza Esther Pita para unha foliada, que finalmente foi autorizada pola subdelegación do goberno, pero que tivemos que anular por mal tempo, preténdesenos impedir o uso de espazos públicos e locais municipais que son propiedade de todos os cidadáns, non só do alcalde, por intereses políticos, electorais e talvez mesmo persoais.

Pola banda do Concello, á saída do debate chegounos un rumor que posteriormente puidemos comprobar a través da prensa: que o Concello de Oleiros denegara a licenza de obra para a construción do apartahotel, de 18,5 metros de alto e todo o ancho da finca, co que se pretendía separar a Santa Cruz do mar, privando á nosa vila dunha das mellores vistas da comarca. Segundo esas mesmas informacións o propietario da finca tería presentado un recurso contencioso contra a resolución. 

Consideramos que esta denegación a menos dun mes das eleccións locais, é unha primeira vitoria das veciñas e veciños que defendemos a adquisición da parcela polo concello para o seu uso público. Dende a plataforma temos que dicir que supón unha demostración de que se a veciñanza se organiza e actúa, ten a capacidade de mudar as cousas, no que non deixa de ser un exercicio de democracia.

Partindo de que recoñecemos que é un feito importante, temos que dicir que inda non se acadou o obxectivo da plataforma: que o concello, preferentemente de xeito negociado, e a poder ser mediante permuta por outros terreos, adquira a parcela do antigo hotel Maxi, parte da cal é unha concesión pública para a ampliación dunha antiga fábrica de conservas, e que por aparente arte de maxia pasou a se considerar terreo privado para uso hoteleiro.

Dende Santa Cruz aberta ao mar continuaremos coas nosas actuacións, con máis forza que nunca e sendo conscientes de que a maioría dos veciños e visitantes habituais apóiannos. Non estamos dispostos a que un cambio de nome do proxecto, ou algunha negociación opaca leve a que se remate autorizando que unha mole de cemento arruíne as vistas, o urbanismo e o atractivo da nosa vila. O único destino lóxico para esa finca é que se adquira polo Concello e se empregue como praza ou zona verde. Como dixo un dos poñentes na xornada de debate, a conexión co mar e a integración coa paisaxe permitirían repensar Santa Cruz para mellor.

O debate

A moderadora e presentadora foi a nosa compañeira, Isa Torrado, que unha vez máis dá a cara en representación de Santa Cruz aberta ao mar.



Marcos Boulio Corral: asociación na defensa do parque Rosalía de Castro de Lugo. Conseguiron a paralización por orde xudicial da construción de 6 bloques de 9 alturas fronte ao parque e a imputación de varios técnicos municipais. Tamén presentaron contencioso contra o PXOM de Lugo, pendente de sentenza, e colaborou coa asociación A Pena, de Cospeito, denunciando problemas de contaminación en toda a comarca.



O segundo poñente foi Luís Corveiro Maanhóm: "Degradación costeira dende o punto de vista patrimonial". É técnico e director de excavacións, controis e sondaxes arqueolóxicas. Formou parte da equipa de traballo do PXOM do Concello de Carnota, levando o apartado arqueolóxico. Ten participado en publicacións científicas e xornadas arqueolóxicas relacionadas co patrimonio litoral.



 O terceiro foi Pablo Pérez Golpe, cunha intervención titulada "Non é unha parcela calquera: máis ambición e menos presas para o centro de Santa Cruz". É membro de Ergosfera, un grupo de arquitectos adicados á investigación sobre urbanismo e territorio. 



Por último, Xandro García Regueira, biólogo mariño, que traballa na estación de bioloxía mariña da Graña e membro de agrupación ecoloxista ADEGA. "O cambio climático no litoral".



Finalmente, e antes de dar paso ao turno de debate, Marta Iglesias, integrante da plataforma Santa Cruz aberta ao mar, leu o manifesto que redactamos para fechar a quenda de intervencións e dar paso ao debate.

En conxunto, o debate foi unha experiencia moi interesante en que cada poñente, dende a súa perspectiva, destacou a importancia de coidar unha paisaxe e un medio tan excepcional coma o litoral de Santa Cruz. A intervención de Marcos presentounos un exemplo de como a acción cidadá pode frear actuacións urbanísticas prexudiciais; Luís fixo unha revisión das ameazas que afronta a nosa costa; Pablo fíxonos ver que a desaparición dunha barreira como era o Maxi, nun lugar tan estratéxico, é unha oportunidade para repensar Santa Cruz como parte dunha paisaxe a unha escala meirande; e Xandro salientou o valor ecolóxico dunha zona de litoral, parte dunha ría, que xa está ameazada polo cambio climático e outras consecuencias das alteracións que as sociedades humanas provocan no medio natural.