Vista do Maxi

Vista do Maxi

luns, 31 de agosto de 2015

Inscrición oficial da "Asociación Santa Cruz Aberta ao Mar"



O día 18 de agosto presentamos a acta fundacional, os estatutos e demáis documentación para nos inscribir como asociación no rexistro da Xunta. Os motivos que nos levaron a optar pola inscrición formal son variados: a posibilidade de nos persoar en causas xudiciais ou de solicitar espazos públicos para actos informativos e ou reivindicativos como tal asociación; adaptar o funcionamento interno a unha posíbel prolongación da nosa actividade, visto que a estratexia doutros actores podería pasar por dilatar no tempo a solución para un terreo que permitiría redefinir, nun sentido ou noutro, a vila de Santa Cruz; ...

Os distintos motivos que consideramos para tomar esta decisión en realidade derivan do consello que nos deu Marcos, representante da Asociación pola defensa do Parque Rosalía, tanto nas xornadas de debate do 30 de abril coma nunha conversa posterior mantida en Gutiriz. O caso desa asociación é un exemplo de manual de como un grupo de veciños conseguiu deter unha operación urbanística pragada de irregularidades e que suporía un atentado urbanístico contra a cidade de Lugo. A resultas dese caso hai varios responsábeis políticos imputados por prevaricación, tráfico de influencias, suborno, etc ... 

Como o noso presidente electo indica nesta entrevista, estamos a preparar un novo calendario de actividades para acadar, do xeito máis construtivo e convinte para todas as partes implicadas, que a finca do Maxi pase a ser patrimonio público, para que se integre no parque Luís Seoane e poidamos manter a vila de Santa Cruz de Liáns aberta ao Mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario