Vista do Maxi

Vista do Maxi

xoves, 12 de novembro de 2015

Asemblea na praza Esther Pita

Como xa anunciáramos na anterior entrada, o 11 de outrubro ás 20:30 reunímonos na praza de Esther Pita para acordar unha posición común sobre os plans do alcalde, Ángel García Seoane, e os propietarios da parcela do Maxi, partindo da información que foron transmitindo e que combina opacidade con contradicións flagrantes,  e para decidir as actuacións a realizar coma asociación.


A nosa visión da situación actual non deixa de ser a que se descreve neste outro artigo, e que podemos resumir en que a demanda da empresa pola denegación da licenza de edificación antes das elecións municipais non existiu: o concello, de acordo co propietario, denegou o permiso coa excusa de que só admitía un hotel, para paliar os danos electorais que lle ocasionaría defender unha barreira de cemento que deixaría a Santa Cruz sen mar e apantallaría o castelo. 

Pasadas as elecións, pretenden edificar aducindo que sí vai ser un hotel, inda que por declaracións da empresa, semella que coma mínimo non está moi claro que vaia ser un hotel normal. Sempre dixemos que un hotel non semellaba unha opción viábel porque a demanda actual está máis que cuberta, e todo indica que será máis ben un edificio de apartamentos de aluguer.

En canto ás accións a realizar, acordamos comezar a preparar unha mobilización que permita visualizar a oposición da veciñanza a este proxecto e a esixencia de que o Concello actúe para preservar o noso medio, paisaxe e calidade de vida. Por suposto, seguimos a insistir en que iso pódese levar a cabo de xeito negociado cos propietarios da parcela, oferecendo alternativas de ubicación para ese mesmo negocio ou outro tipo de compensacións. Tendo en conta o valor de moitos terreos en mans da administración local, non vemos nengún motivo que impida chegar a un acordo que, sen perxudicar a ninguén manteña Santa Cruz de Liáns aberta ao mar.

xoves, 5 de novembro de 2015

Reunión con colectivos e convocatoria de asemblea pública

Este mércores ás 20:30 tivemos unha reunión con distintos colectivos cos que xa contactáramos anteriormente, para coñecer a súa posición con respecto ao obxectivo da asociación, recadar apoios e ter outros puntos de vista nun intre en que os acontecementos obrígannos a tomar decisións con rapidez. O encontro contou con representantes de BNG, EU, PSOE, PP, CxG, Podemos, Partido da Terra, Piratas de Galicia e ADEGA.

Confirmamos e reafirmamos unha idea previa: a necesidade de comezar inmediatamente coas mobilizacións. Para estabelecer o formato e calendario procedemos a convocar unha asemblea aberta na que debatiremos as propostas que se presenten e decidiremos as accións a realizar. 



A maiores tamén acordamos proceder a contactar co principal propietario da parcela, coa intención de saber que tipo de compensación lle resultaría satisfactoria. Así e todo, consideramos que é a cámara municipal a responsábel de aportar unha solución, preferentemente mediante un acordo cos promotores para permitir que sigan adiante con ese proxecto ou outro semellante nunha ubicación alternativa.

O governo municipal actuou ate agora de xeito absolutamente parcial, defendendo intereses particulares sobre os do conxunto da poboación. Alén diso, o Alcalde refuga dar explicacións sobre a situación, de xeito que a escasa información que circula é contraditória e confusa.