Vista do Maxi

Vista do Maxi

domingo, 5 de febreiro de 2017

Este último venres, 3 de febreiro, participamos nunha mesa de debate no local social Gomes Gaioso, no bairro de Monte Alto do veciño concello da Coruña. A carón do noso presidente Ramiro, tamén estiveron dous membros da Comisión Aberta en Defensa do Común: Anxo Varela e Manuel Monge.

Inda que o furacán que tivemos esa noite non animaba precisamente a saír da casa, o certo e que os contidos que se expuxeron foron moi interesantes.

Ramiro fixo un resumo da atividade de Santa Cruz Aberta ao Mar, centrándose evidentemente na problemática que motivou o seu nacemento: a agresión paisaxística, ambiental e contra o patrimonio que supón un apartahotel de grandes dimensións e porte, -e polo que se ve, tamén profundidade- na beiramar dunha vila,  tapando as impresionantes vistas ao mar, á cidade da Coruña e ao Castelo de Santa Cruz. 

Unha agresión que fixo posíbel o governo local de Oleiros e en concreto o seu alcalde Ángel García Seoane, ao aumentar a edificabilidade da finca no PXOM do concello, e ao non reclamar que a parte que pertence ao dominio público marítimo-terrestre voltase a mans públicas. Iso por non falar da posibilidade de adquirir ese chan mediante permuta ou compra, que foi a opción que sempre defendimos.

Anxo Varela fixo un percorrido por distintas agresións contra o patrimonio na cidade da Coruña, fronte ás que se produciron distintas movilizacións veciñais das que tomou parte, e que nalgúns casos conseguíronse evitar ou reducir os danos. Noutras, por desgraza non. Posteriormente centrouse no caso que ocupa o groso da atividade da Comisión Aberta en Defensa do Común, a pretensión da Autoridade Portuaria, consentida e aprobada por Puertos del Estado, de vender os terreos da Solana e o Hotel Finisterre, sendo éstes terreos pertencentes ao litoral da cidade e daquela patrimonio público. 

Estas parcelas proveñen do recheo dunha praia durante o franquismo, para os ceder en concesión a persoas vencelladas co réxime e implicadas na represión da ditadura concretamente con asasinatos e agresións de disidentes, que tras conseguir financiamento conseguiron facer fortuna con patrimonio público regalado por un réxime corrupto que saqueou tanto a particulares coma o patrimonio natural ou cultural.

Ademáis Anxo chamou a atención sobre outra ameaza: isto só sería un anticipo da intención de comercializar os terreos gañados ao mar dos peiraos de San Diego e Batería, 400.000 metros cadrados que serían destinados a vivendas e posíbelmente algún centro comercial. A excusa para un asalto deste calibre ao patrimonio de todos, con finalidade especulativa, sería pagar a construción do porto exterior en Sabón (Arteixo), cando todos os demáis portos exteriores do estado español pagáronse con cartos de Puertos del Estado. Na súa opinión, o propio porto exterior fíxose básicamente coma excusa para poder privatizar eses terreos.

Manuel Monge, finalmente, a máis aportar datos e perspectiva sobre esas operacións de asalto para pór o litoral coruñés en mans privadas, deunos a súa visión, de xeito esquemático mais acompañada de datos, cifras e referencias, dos distintos escándalos urbanísticos, prácticamente censurados polos medios de comunicación locais, derivados da xestión de Paco Vázquez

Estes inclúen a recalificación de terreos adquiridos pola muller do ex-alcalde coruñés, a expropiación de terras a veciños de Elviña para distintos proxectos que despóis foron anulados para recalificar terreos, a autorización para aumentar a edificabilidade dalgún edificio que por sí só podería arruinar ao concello se finalmente ten que se derrubar parcialmente, etc ... . En moitas ocasións con sentenzas xudiciais en contra que posteriormente o goberno municipal presidido por Paco Vázquez tentaba anular mediante cambios na planificación urbanística a posteriori, sempre con membros da oligarquía da cidade ou familiares seus como beneficiarios. 

Por suposto, esta traxectoria foi posíbel grazas a uns medios de comunicación que agacharon ou defenderon esas actuacións e un sistema de xustiza que non investiga relacións que, coma a de Ángel García Seoane cos promotores do apartahotel da parcela do Maxi, son públicas e notorias.

Perigo na parcela

A maiores, non podemos deixar de sinalar que o valado da obra da parcela, ao ter sido combado polo temporal, supón un perigo para os transeúntes. As imaxes falan por sí soas.